domingo, noviembre 12, 2006

Mais opinións e lembranzas


Foto do Castro dende o aire (feita nos sesenta...?) atopada no sotano do antigo concello, por un sobriño da Carmiña do Bolero, de autor anónimo.

O Bautista anda detrás de min e de outros para grabarnos coa súa cámara mentres contestamos á pregunta sobre o que mais nos gusta do Castro e o que non nos gusta.
Eu levo tempo esquivandoo con excusas varias.

E cando consigo quitarme de enriba a presión quedo a pensar ¿qué é o que me gusta a mín do Castro?, ¿qué é o que non me gusta?

Gústame percorrer as rúas, sobor de todo no “Cima da Vila”, e revivir cando era neno, e gústame como era o Castro entón.

As minhas lembranzas mais antigas chegan á época na que ainda íamos a escola vella, ó lado do cuartel da Garda Civil, aquelas aulas nas que estábamos mixturados varios cursos, onde ainda exercía o seu “doloroso” ministerio D. Santiago Salgado, figura mítica e temida entre os nenos, a quen lle debo o meu primeiro contacto co medo.

Lembro que nos recreos íamos a guichar nas cuadras do cuartel para ver aqueles cabalos que nos parecían enormes. Lembro cando os gardas sacaban os cabalos para facer exercicio no patio dando voltas arredor guiados por unha corda, espectáculo que os rapaces víamos dende a rampa coma se fose o mesmo circo.

Lembro cando se subiu o colexio “o toural” e como naquela mudanza pra unhas instalacions novas e limpas perdeuse un pouco de maxia.

Lembro a doña Sarita e a súa recurrente narración do día da fin da guerra incivil. Lembro os outros mestres antigos, doña Milagros, don Isaías, don Domingo, e outros xa desaparecidos…

Lembro as correrías polo prado da devesa, sempre atentos ó Xesús dos Pilos que nos botaba de alí por que lle pisábamos a herba que pacían as súas vacas. Lembro aquela aciñeira á que trepavamos con tanta facilidade, e como o chapapote que “alguén” derramou pra impedilo deixou sinalados os pantalóns de toda unha xeración de trepadores.

Lembro os xogos na praza, cando xogábamos ó futbol, con algún mozo facendo de porteiro no murallón, o Mingos centrando, e unha morea de rapaces mais grandes e mais pequenos loitando por rematar de cabeza. De cando en vez tiñamos que parar por que pasaba un camión. Pero de seguida continuaba o xogo.

Lembro xogar ó rebumbio diante da eirexa cunha soia portería e dous equipos, lembro xogar ó brilé, ó pañuelo, e ó “azurriaga la melondra” no muro detrás da sacristía.

Lembro baixar á praza, a carreira dende “o cima da vila”, dispois da catequesis impartida pola Candidita os días antes da nosa primeira comunión. Lembro como un par de días antes, a cabeza do Gabriel atopou no aire un croio de bon tamaño, que lle deixou ben sinalado, e por iso aparece nas fotos, ó lado do Alfredo e a Ruth do Carballo, cunha vendaxe da que xa non se vai librar nunca.

Lembro vagamente os tempos do entroido, os días de compadres e de comadres, as panxoliñas e os días da fariña cos rapaces e as rapazas correndo por todo o pobo agachándose uns dos outros.

Lembro como ó final do vran chegaban as festas dos Remedios, como os rapaces íamos a aparellar as bandeiras (si nos deixaban os mais maiores) como se tendían uns cordeis no sótano do concello antigo e como os mais maiores se repartían o mando, un no pupitre, untando con engrudo banderolas e bandulinas, outro no tendel, colocándoas na corda. E como os rapaces pequenos trasegábamos dende unha posición a outra como unha cinta transportadora en movimento orgulloso e imparable.

Lembro como nises días de preparación das festas os pequenos vivíamos nun contínuo sobresalto, xa que víamos ó Irrio por tódalas esquinas, disposto a quentarnos o cú ca súa bimbia.

Hoxe vexo istas lembranzas con nostalxia e doume conta de que en todas coincide un denominador común: a liberdade que tiñamos os nenos pra ir de un lado a outro do pobo sen risco e sen medo, como naqueles tempos podíamos elexir a zona dos nosos xogos sen temor a un atropello ou cousas piores.

É claro que non podemos pretender voltar a aquel tempo, nin modificar o tren da vida pra voltar atrás, mais ¿non poderíamos ver de qué forma os nenos de hoxe teñan algo de aquela liberdade, e os pais algo de aquela tranquilidade?
Por suposto que os coches son inevitables, mais non tan importantes como pra darlles a prioridade total. Cada quen no seu eido, penso que se poden artellar fórmulas pra millorar a convivencia entre humanos e mecánicos, mais tamén que a prioridade debe estar nas xentes, non nos medios.

Os espazos públicos deben ser de uso da xente, sen coaccións de ningún tipo. Nin pola mecánica nin polo abuso de outros que, amparados pola costume, pensan que a rúa lles pertence.


Outro día falarei do que non me gusta.

Carlos Vázquez “ Campos”

miércoles, noviembre 01, 2006

Resposta oficial do Concello


Finalmente recibimos unha contestación da Xunta do Goberno Local ás peticions expresadas no manifesto que, refrendado por 200 firmas, presentamos no mes de agosto no Concello. O silencio do Concello estivo na orixen da creación de esta asociación e tamén de este espazo de O Prado, polo que ainda que chegue tarde, valoramos positivamente esta resposta.

Ésta recolle literalmente as nosas tres iniciativas: a peatonalización das zonas da praza e do casco histórico, a necesidade de transparencia nas accións urbanísticas que se leven a cabo e a creación de un novo parque infantil.

O concello agradece as propostas que, recoñece, van encamiñadas “á mellora do espacio público da vila” e garantiza que “estudiará con minuciosidade as peticions efectuadas en función das súas disponibilidades económicas e técnicas”.

A Asociación agradece a resposta e enténdea como un compromiso do Concello. De sabios é rectificar e esperamos que non señan soio palabras vanas.

Queremos reinvidicar a necesidade de transparencia en todas as actuacions, e tamén nas resolucions e comunicacions que o concello adopte respecto a istes temas. Calquer decisión debe ter en conta a precaria industria existente na vila, co obxeto de non perxudica-la. A razón non é dos que mais berran, senon dos que mais argumentan.

Unha vez máis, expresamos a necesidade de encargar un estudio previo a un especialista en movilidade. “As disponibilidades económicas e tecnicas” ás que alude o texto do concello non poden erixirse nun atranco.

Queremos transmitirlle á Xunta de Goberno Local, que insiste en resaltar que “a mayoría dos asinantes non son residentes” que todos sumamos, porque todos estamos interesados no futuro do Castro, residentes e non residentes.

Todas as persoas que nun momento foron consideradas como “veraneantes”, dentro e fora da asociación, representan unha enerxía moi útil para Caldelas. Somos cidadans comprometidos coa terra, non queremos dar leccions senón aporta-la nosa enerxía.

A posta en valor do patrimonio histórico, cultural e natural é un compromiso programático do propio PSdeG. Entendemos que o leiv motive “móvome” do PsdeG debe inspirar ó concello. Pero esperamos que este movemento nos leve realmente a un bó resultado. Desde a Asociación, seguimos traballando.